Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Os nenos convértense en minichefs no taller 'Comer san é divertido'

Fecha: 2013-02-04

  

Trátase dunha nova proposta para mellorar, de forma lúdica e divertida, os hábitos dos nenos á hora de sentarse á mesa. 

Está incluída na guía O Grove Educa.

   

A Concellería de Educación do Grove inaugurou o pasado sábado pola mañá a actividade “Comer san é divertido–Merendas sas”, na que participan 20 nenos e nenas de 5 a 10 anos. A actividade desenvólvese todos os sábados do mes de febreiro na Casa da Cultura do Grove, en horario de 12.00 a 13.30 horas. Neste primeiro día de taller, os nenos participaron na elaboración de receitas divertidas e sas, entre as que se atopaban batidos naturais de froitas.

 

“Comer san é divertido–Merendas sas” é unha proposta nova que pretende mellorar os hábitos dos nenos á hora de sentarse á mesa e, de paso, ensinarlles, de forma lúdica e divertida, que a cociña é un traballo para nenas e nenos. Ademais de ensinarlles pequenas receitas entretidas, explícaselle de onde proceden certos alimentos, como se obteñen e, sobre todo, búscase que os participantes sexan receptivos á hora de probar as comidas e que entendan a importancia de ter unha dieta equilibrada.

 

Algunhas das receitas coas que traballarán os nenos durante este mes son espetadas de froitas con choco-iogur, mel e cereais; batidos; sándwichs de formas; iogur con froita, cereais...; aperitivos de vexetais; piruletas salgadas... Cada semana entregaráselles a receita que elaboren para que a leven á casa, sacaránselle fotos para que os pais poidan ver como os pequenos se converten en minichefs e traballan duro as súas receitas.

 

Ademais desta actividade extraescolar, desde o Concello do Grove tamén ofertan clases de natación na piscina de Cambados, talleres de técnicas de estudo a actividade “Coñecendo e gozando da biblioteca”. Todas elas están incluídas na guía O Grove Educa que elaborou o Concello do Grove para este curso escolar, co obxectivo de reunir nun mesmo documento toda a oferta educativa e lúdica que as diferentes concellerías organizan para nenos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ben sexa en actividades fóra do horario escolar ou en colaboración cos propios centros. En colaboración cos centros, xa se organizaron algunhas actividades, como a xornada Maxia Potaxia, talleres de igualdade, de primeiros auxilios e clases de educación viaria.

 

Concurso de Relatos Curtos

Por outra banda, desde a Concellería de Educación recordan que continúa aberto o prazo para participar no II Concurso de Relatos Curtos, destinado ao alumnado de bacharelato e de segundo ciclo da ESO que estea matriculado nalgún dos centros da localidade. O obxectivo que se persegue coa convocatoria deste concurso é motivar os estudantes dos últimos cursos na escritura creativa e no gusto pola lectura. Os premios en cada unha das dúas categorías será a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro e do Día do Libro Infantil; cen euros en cheques regalo para gastar no comercio local e un lote de libros.

 

Os traballos deberanse entregar no propio centro escolar ata o 28 de febreiro. O ditame do xurado farase público a primeira semana de marzo e a entrega de premios terá lugar o día 2 de abril, coincidindo coa conmemoración do Día do Libro Infantil.