Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove achega a educación viaria aos colexios a través da Policía Local

Fecha: 2013-02-06

 

O Concello do Grove continúa desenvolvendo actividades en colaboración cos centros escolares do municipio co obxectivo de facilitar a formación do alumnado en temas tan variados como o medio ambiente, a igualdade, a tolerancia, o consumo, o deporte... Neste caso é quenda da educación viaria, polo que axentes da Policía Local do Grove están visitando os colexios de educación infantil, primaria e secundaria.

 

O obxectivo desta actividade é sensibilizar os alumnos e as alumnas sobre os riscos da circulación e preparalos para que lles fagan fronte ás responsabilidades que teñan como peóns ou que adquiran como condutores de vehículos; e axudarlles a tomar conciencia da súa responsabilidade na vida social, de forma que poidan contribuír a mellorar as condicións de circulación, velando pola propia seguridade e o comportamento de xeito responsable, tendo en conta aos demais usuarios. No caso dos estudantes de secundaria, as actividades centraranse tamén na seguridade viaria en ciclomotores.

 

A Policía Local xa visitou os colexios Nuestra Señora del Carmen e Rosalía de Castro, e nos próximos días percorrerá o resto de centros do municipio para facer partícipe desta actividade a todo o alumnado. As clases inclúen sesións teóricas e prácticas.

 

Esta actividade está incluídas na guía O Grove Educa, que elaborou o Concello do Grove para este curso escolar co obxectivo de reunir nun mesmo documento toda a oferta educativa e lúdica que as diferentes concellerías organizan para nenos de infantil, primaria e secundaria, ben sexa en actividades fóra do horario escolar ou en colaboración cos propios centros. En colaboración cos centros, xa se organizaron algunhas actividades, como a xornada Maxia Potaxia, talleres de igualdade, de primeiros auxilios...