Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Xunta impulsa as obras da nova depuradora do Grove co fin de poñer en servizo esta infraestrutura a finais de 2013

Fecha: 2013-02-20

Esta actuación beneficiará aos máis de 11.000 habitantes do Concello do Grove, así como á poboación que rexistra este concello durante os meses de verán, período no que os habitantes deste municipio se multiplican considerablemente.

 

En relación ao Plan de saneamento local da ría de Arousa, Hernández adiantou que se están ultimando os detalles no que respecta ao contrato dos concellos de Meaño, Sanxenxo e O Grove.

 

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, retomou as obras da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Grove para que esta instalación hidráulica estea operativa a finais de 2013, segundo informou esta mañá o conselleiro Agustín Hernández, durante unha visita a estas actuacións.

 

Esta obra, que conta cun orzamento de case 8,5 millóns de euros, atópase case ao 50% da súa execución, e estase traballando e avanzando no movemento de terras para a construción da EDAR. O responsable de Medio Ambiente constatou que xa están rematados tanto os colectores como os bombeos que achegarán as augas residuais desde a actual depuradora ata a nova.

 

A posta en marcha da nova estación depuradora no Grove está xustificada porque a actual atópase obsoleta, polo que se deseñou unha nova EDAR para 40.000 habitantes equivalentes correspondentes cun caudal de deseño de 415 m3/h por hora. Así, mesmo, o emisario terá unha lonxitude de 250 metros.

 

Respecto as actuacións levadas a cabo destacan: -Construción dunha nova estación de bombeo no actual edificio de pretratamento (3 bombas de 7,5KW 1 de reposto) -Construción dun novo tramo de impulsión entre o antigo pretratamento e Terra de Porto -Novo pozo de bombeo en Terra de Porto. -Construción dun novo tramo de impulsión entre Terra de Porto e o seguinte treito de colector por gravidade -Colector por gravidade desde a impulsión anterior ata a unión con bombeo existente dende o bombeo de Meloxo -Colector de entrada á EDAR

 

Esta actuación beneficiará aos máis de 11.000 habitantes do Concello do Grove, así como á poboación que rexistra este concello durante os meses de verán, período no que os habitantes deste municipio se multiplican considerablemente.

 

Plan de saneamento local

En relación ao Plan de saneamento local da ría de Arousa, Hernández adiantou que se están ultimando os detalles no que respecta ao contrato dos concellos de Meaño, Sanxenxo e O Grove. Este verán poderíanse presentar os detalles deste proxecto, que completaría todo o saneamento local da ría de Arousa.

 

Agustín Hernández explicou que unhas das prioridades da Xunta de Galicia dende o ano 2009 foi a mellora da calidade da auga das rías. O Goberno galego, consciente da importancia socio- económica das zonas costeiras e a sostibilidade do seu ecosistema, impulsa actuacións hidráulicas como a visitada hoxe. Neste senso, a mellora da calidade das augas das rías galegas pasa pola redución eficaz da contaminación que xera a actividade humana das zonas máis poboadas da comunidade autónoma.

 

Cómpre lembrar que o Goberno galego vén de trasladar aos representantes do Parlamento Europeo a petición de que se permita empregar parte dos fondos comunitarios previstos para o período 2014-2020 no remate das obras de saneamento.

 

A Xunta iniciou, dende o ano 2009, infraestruturas de saneamento nas rías por valor de máis de 270 millóns de euros. O total, tendo en conta o cofinanciamento de concellos e Estado, ascende a máis de 430 millóns de euros. A esta cantidade débese sumar o investimento previsto a curto prazo de 118 millóns de euros, dos que en torno a 91 millóns corresponderán ao investimento da Xunta.