A Escola Infantil A Galiña Azul do Grove abre as inscricións de reserva de praza para o vindeiro curso
Fecha: 2013-02-20
As solicitudes poden presentarse no propio centro ata o 21 de marzo
A Concellería de Educación do Grove informa que mañá, día 21, a Escola Infantil A Galiña Azul abre o prazo para que os pais e nais poidan facer a súa reserva de praza para o vindeiro curso, tanto para os nenos xa escolarizados durante este curso como para novos ingresos. As solicitudes poden presentarse no propio centro ata o 21 de marzo, segundo os prazos establecidos polo Consorcio Galego.
Os requisitos imprescindibles para ser adxudicatario de prazas son que o neno estea nado no momento de presentación da solicitude, que teña unha idade mínima de tres meses no momento do ingreso e que non teña cumpridos os 3 anos de idade ao 31 de decembro de 2013. As prazas adxudicaránselle prioritariamente ao alumnado que xa está escolarizado no curso actual. No que respecta aos novos ingresos, terase en conta se teñen irmáns no centro e a puntuación obtida pola aplicación dos baremos da situación sociofamiliar, laboral e económica das familias solicitantes.
A escola infantil permanece aberta de luns a venres, en horario ininterrompido, agás os días considerados festivos no calendario laboral e os días 2, 3 e 4 de setembro e 24 e 31 de decembro.
Excepcionalmente poderanse presentar solicitudes fóra de prazo cando o nacemento, acollemento ou adopción do neno é posterior ao prazo de presentación de solicitude ou por cambio de concello de residencia da unidade familiar. Nestes supostos, deberase acompañar a solicitude da xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva.
A relación provisional de admitidos/as e de listaxe de agarda, coa puntuación obtida, publicarase o día 2 de maio. Ata o día 12 abrirase unha quenda de reclamacións, mentres que o día 27 realizarase a relación definitiva. Entre o 28 de maio e o 12 de xuño abrirase o período de matriculación.
Máis información, solicitude e anexos premendo aquí>