O Concello conmemorou onte o Día Internacional da Lingua Materna
Fecha: 2013-02-22
Onte xoves, 21 de febreiro, conmemorouse o Día Internacional da Lingua Materna e o Concello do Grove, como membro da Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quixo sumarse á Xunta de Galicia, á Unesco e ao resto dos organismos que promoven ou apoian esta importante data coa satisfacción e o compromiso de achegar o seu traballo a prol do galego, idioma de futuro, e da diversidade lingüística mundial.
Co gallo desta celebración, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, Alexandre Aguín (de quen depende o Servizo de Normalización Lingüística municipal) e a concelleira de Educación, Laura Besada, acudiron á Escola Infantil A Galiña Azul de Rons coa finalidade de incentivar a nenos e pais a empregaren o galego.
Os representantes municipais, xunto coa directora do centro e o técnico de normalización lingüística do Concello, percorreron as aulas da escola repartindo entre os pais, as nais e alumnado alí presentes uns folletos informativos sobre a importancia desta xornada e da transmisión internaxeracional do noso patrimonio inmaterial máis prezado, a lingua galega. Asemade, e como complemento desta campaña de dinamización lingüística que tiña por nome “O galego medra connosco, nós medramos co galego”, tamén lles entregou cadanseu adhesivo co lema “Mequiñ@ a bordo” para poñeren no cristal traseiro dos seus automóbiles co fin de advertir os demais condutores dos importantes pasaxeiros que neles viaxan.
Declaración da Rede de Dinamización Lingüística con motivo do Día Internacional da Lingua Materna
Imaxe adhesivo "Mequiñ@ a bordo"