A biblioteca municipal do Grove acolle durante o mes de marzo actividades coas que promover a igualdade
Fecha: 2013-03-01
A programación inclúe exposicións, visitas, bibliomercado e contos para a coeducación
A Rede de Bibliotecas do Grove presenta unha ampla programación de actividades para o mes de marzo, coa que se pretende conmemorar o Día da Muller Traballadora e promover a igualdade de xénero. Os obxectivos serán propiciar o achegamento á lectura de diferentes colectivos, promover lecturas coeducativas e non discriminatorias e contribuír a que as lectoras e os lectores identifiquen e eliminen os estereotipos que limitan o seu crecemento persoal.
As actividades programadas inclúen desde exposicións bibliográficas ata visitas guiadas á biblioteca e formación de usuarias e usuarios, bibliomercado e contos para a coeducación.
Contos para a coeducación
A programación “Biblioigualdade” comeza hoxe venres. Durante todo o mes de marzo as actividades extraescolares “Coñecendo e gozando a biblioteca” estarán centradas nesta temática. Realizaranse catro contacontos, seleccionando contos de contido coeducativo, e programaranse diversas actividades para traballar con eles. Así, hoxe o título escollido é Rosa Caramelo, un álbum con ilustracións de gran tamaño e cores vivas que permite traballar a coeducación e a igualdade de xénero.
O libro conta a historia dunha manda de elefantas e elefantes en que unhas e outros viven de forma separada e teñen actividades diferentes, incluso a súa cor tamén é diferente. Margarita, a protagonista, é unha elefanta gris que nunca se puxo de rosa e os seus país enfádanse porque cren que non se esforza o suficiente en ser como as demais elefantas. Ata que un dia, Margarita decide marchar e vivir como a ela realmente lle gusta.
Outros contos que se incluirán nesta actividade son O libro dos porcos, Un príncipe algo rarito e El beso de la princesa.
Exposición bibliográfica e guía de lectura
Para esta ocasión prepararase unha exposición bibliográfica que amosa a selección das bibliotecas para o mes de marzo, con lecturas que abordaban claramente o valor da igualdade e da coeducación, dirixidas a público de diferentes idades.
As persoas maiores tamén visitan a biblioteca
As persoas de máis idade adoitan amosarse reticentes á hora de acceder á biblioteca porque descoñecen o seu funcionamento e os seus servizos, incluso adoitan non saber moverse por ela. Ademais, teñen a idea errada de que a biblioteca é tan só para os estudantes. Co fin de animalas a visitar a biblioteca, o xoves 7 de marzo organizaranse visitas guiadas e actividades de formación de usuarias e usuarios en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) e co alumnado do Taller de adestramento da memoria. Alén de amosarlles as instalacións da biblioteca e explicarlles o seu funcionamento e servizos, tamén prepararán actividades que motiven o público asistente para que se sinta integrado, e así, dun xeito divertido e ameno, perda o medo ao descoñecido e se sinta parte da biblioteca comprendendo a súa utilidade na vida diaria.
Bibliomercado
Aproveitando a conmemoración do Día da Muller Traballadora, o venres 8 de marzo instalarase un posto das bibliotecas no mercado, xusto diante da Casa do Concello, no cal se expoñerán impresos para a solicitude do carné de socia ou socio, folletos publicitarios sobre os servizos da biblioteca, unha exposición bibliográfica, a Guía de Lectura “Lecturas coeducativas” e libros de agasallo.