O Concello do Grove conmemora a Semana da Prensa nos colexios con charlas de xornalistas da comarca
Fecha: 2013-03-11
O obxectivo da actividade é fomentar entre os escolares a lectura dos xornais e axudarlles a desenvolver un sentido crítico
Esta semana conmemórase a Semana da Prensa na Escola, e para celebralo, a Concellería de Educación organiza sesións nos colexios con xornalistas da comarca. O obxectivo desta actividade, na que participa o alumnado de 5.º e 6.º de primaria do CEIP Rosalía de Castro, é fomentar entre os escolares a lectura dos xornais, favorecer o exercicio da lectura comparada das informacións e axudarlles a desenvolver un sentido crítico. Tamén contribúe ao reforzo da lectura e da escritura.
Os xornalistas que participan na actividade son Maruxa Alfonso, redactora da delegación de Arousa de La Voz de Galicia; Eduardo Muñiz, redactor da páxina web www.todogrove.com e da revista local Sustansia; e o fotógrafo Miguel Muñiz, colaborador de Faro de Vigo, director da revista Sustansia e de Todogrove. Entre mañá martes e o xoves visitarán o centro para achegarlles aos escolares algúns dos aspectos máis salientables da profesión: como redactar a noticia, maquetación da páxina, proceso de elaboración do diario… Preto de 70 alumnos descubrirán a través destas sesións a diversidade dos medios de comunicación, coñecerán a diferenza entre opinión e feitos; recoñecerán as diferentes seccións dun periódico…
Guía de actividades escolares
Esta actividade forma parte da guía O Grove Educa, elaborada polo Concello do Grove. O obxectivo desta guía é reunir, nun só documento, toda a información sobre a oferta municipal de actividades escolares, co obxectivo de potenciar e facilitar a participación de toda a comunidade educativa da localidade. Durante o curso xa se organizaron cursos de educación viaria, a actividade Maxia Potaxia, concursos de relatos, de postais de Nadal…