Achégate ao galego. Curso de lingua para novos/as galegos/as no Grove
Fecha: 2013-03-13
Dentro do programa "Os novos galegos", o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove, dependente da Concellería de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, dirixida por Alexandre Aguín, vai comezar a desenvolver mañá xoves un novo curso básico de galego para persoas chegadas de fóra do país. Desta volta, tamén se poderá apuntar a veciñanza que queira adquirir uns coñecementos básicos sobre o noso idioma.
Cunha perspectiva de interculturalidade e diversidade, o SNL meco pretende que a lingua galega sexa para as persoas de orixe estranxeira outro factor máis de integración na sociedade, ao mesmo tempo que a cidadanía local coñeza as diferentes culturas e as linguas que chegaron ata nós polo vieiro da inmigración.
Con ese motivo, o SNL do Grove ideou, por segundo ano consecutivo, un curso básico de lingua galega que permita un achegamento á lingua e á cultura galega de xeito progresivo e adaptado ás necesidades do alumnado. O obxectivo é facilitar a integración da poboación de orixe estranxeira a través dunhas nocións básicas para a comprensión oral e escrita, e para a fala, ademais de darlles a coñecer a historia e situación da vila, da comarca, e de Galicia en xeral.
Comezo: 14 de marzo
Finalización: 23 de maio
Número de horas: 30 horas
Horario: martes e xoves de 10.00 a 11.30 horas
Lugar: aula de formación da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey (rúa Monte da Vila, 11, primeiro andar)
Destinatarios: poboación de orixe estranxeira, emigrantes retornados, poboación de fóra da nosa comunidade ou veciñanza con coñecementos básicos de galego.
Grupo máximo de 20 persoas
AÍNDA QUEDAN PRAZAS LIBRES
Información e inscricións:
Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove
Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
Rúa Monte da Vila, 11, baixo
Tel.: 986 733 190