O Concello do Grove convoca a XX edición do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey
Fecha: 2013-03-18
A entrega do premio da última edición, que recaeu en Juan Tallón, realizarase o sábado 11 de maio
O Concello do Grove convoca a XX edición do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey, e a partir deste luns comezaranse a distribuírse as bases por toda a xeografía galega: concellos, bibliotecas, casas de cultura, institutos de ensino secundario, asociacións de escritores en lingua galega, editoriais, medios de comunicación… O Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey é un galardón literario convocado polo Concello do Grove desde 1992, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores, a través dun convenio coa editorial Sotelo Blanco. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora pola editorial Sotelo Blanco.
Poderá concorrer ao premio calquera persoa física que presente o seu texto en lingua galega. As bases, que se poden consultar na páxina web do Concello do Grove (www.concellodogrove.com), establecen o prazo límite de presentación dos traballos o 15 de agosto.
Os textos han ter unha extensión mínima de cincuenta páxinas e máxima de cen, en folio din A4, de dou mil cincocentos caracteres cada páxina, aproximadamente, espazamento entre liñas de 1,5 e as follas deberán de estar paxinadas.
O xurado estará composto por cinco persoas especialistas en literatura. Un deles será o gañador da edición anterior do premio, que é Juan Tallón pola obra Fin do poema, dúas persoas nomeadas polo Concello do Grove, e os dous restantes participarán en representación de Sotelo Blanco Edicións. O premio é único e outorgarase por maioría simple dos votos.
Entrega do premio da XIX edición
Convocada a XX edición do concurso Lueiro Rey, xa está acordada a data en que se entregará o premio da XIX edición. O gañador foi Juan Tallón, coa obra Fin de poema, e recibirá o premio o sábado 11 de maio. O xurado desta convocatoria estivo formado por Manuel Quintáns Suárez como presidente, Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo Cuba, Ánxela Gracián e Mario Regueira Fernández, gañador da edición anterior por Outono aquí.
Juan Tallón é un escritor ourensán que xa resultara finalista na edición de 2010 por A pregunta perfecta (o caso Aira-Bolaño).
Bases do XX Premio Manuel Lueiro Rey