Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove organiza, en colaboración cos de Cambados e Sanxenxo, un curso de lingua galega para acadar o Celga 4

Fecha: 2013-03-26

O Concello do Grove vai acoller a partir do vindeiro luns 1 de abril, un curso de lingua galega preparatorio para a obtención do nivel 4 do Certificado de Lingua Galega (Celga). O curso, que terá unha duración de 70 horas, impartirase na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey de luns a xoves, en horario de 20.00 a 22.00 h.

Esta acción formativa, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística municipal, dependente do concelleiro Alexandre Aguín, e financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organízase un ano máis en colaboración cos concellos veciños de Cambados e Sanxenxo.

O nivel Celga 4 acredita unha competencia no uso da lingua suficiente para expresarse con fluidez e espontaneidade na maior parte das situacións comunicativas.

Os exames para a obtención do Celga 4 serán o 1 de xuño en Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense e Lugo. A solicitude de inscrición poderase formalizar a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello e nela as persoas interesadas deberán sinalar a localidade en que se van presentar. O prazo para inscribirse nestas probas ampliouse ata o día 8 de abril.