A Rede de Bibliotecas do Grove réndelle homenaxe ao libro en abril cunha ampla programación de actividades
Fecha: 2013-04-01
-
Bibliofamilia, Bibliomonicreques, Bibliopeques, Biblioazul e Biblioarte son as propostas para conmemorar o mes do libro
A Rede de Bibliotecas do Grove celebra o Mes do Libro cunha importante aposta e proposta de actividades destinadas para todos os públicos. Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, e o Día Internacional do Libro, o 23, proponse unha ampla programación de actividades que pretenden espertar o gusto pola lectura, experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e espertar a imaxinación e a creatividade dos usuarios. Así, os programas Bibliofamilia, Bibliomonicreques, Bibliopeques, Biblioazul e Biblioarte son as propostas do Concello do Grove para conmemorar o Mes do Libro.
Bibliofamilia
Esta actividade vai dirixida ás familias e consiste, basicamente, en que todos os membros da unidade familiar poidan gozar do pracer da lectura e de facer diferentes actividades xuntos. Por iso desde a biblioteca organizarase unha oferta de actividades para que pais, avós e fillos descubran, experimenten e gocen xuntos cos contos, a creación artística ou os traballos manuais. Realizaranse na Biblioteca Municipal do Grove os sábados de abril a partir das 11.30 horas. As prazas son limitadas, e as inscricións xa se poden facer na propio biblioteca municipal do Grove.
O programa comeza o 6 de abril co obradoiro “Fai un títere con calcetín”, destinado para nenos maiores de 4 anos acompañados dun familiar. O sábado, día 13, os nenos de 1 a 3 anos serán os protagonistas co espectáculo Nanocontos, a cargo de Raquel Queizás. O sábado 20 proponse A longa viaxe de Panchito, a cargo de Mau e Pin, autores de Polo correo do vento. É un conto ilustrado que rematará cun obradoiro de debuxo. Bibliofamilia rematará o día 27 con E agora que vai pasar?, a cargo do persoal da Rede de bibliotecas do Grove. Trátase dun conto representado, que concluirá con actividades relacionadas co tema do conto.
Bibliopeques
Esta actividade está dirixida aos nenos e nenas de educación infantil e busca espertar o seu interese pola lectura e crear neles o hábito de visitar a biblioteca. O alumnado da Escola Infantil Monte da Vila participará o martes, 2 de abril, nas actividades, que inclúen unha sesión de contacontos, actividades sobre o conto lido e tempo para que os alumnos, acompañados da súa mestra, poidan botarlles unha ollada aos libros da sección infantil.
Biblioazul
A conmemoración do Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, coincide co Día Internacional do Autismo, polo que durante toda a semana se realizarán actividades para conmemorar esta data. A Biblioteca do Grove involucrarase, por segundo ano, nunha iniciativa das asociacións Bata e Por Dereito que consiste en poñer globos azuis nas fiestras para dar visibilidade e concienciar sobre o Autismo. O venres 5 de abril, a partir das 17:30 horas, entregaranse os premios do II Concurso de Relato Curto Concello do Grove e organizaranse pictocontos, contos colaborativos con pictogramas. Proxectaranse Os tres porquiños, en versión de Iñigo Estévez con pictogramas do ARASAAC, e Os Bolechas van ao hospital, en lectura fácil de Pepe Carreiro. Aproveitarase a ocasión para facer un visionado da curta Academia de Especialistas, de Miguel Gallardo e a Fundación Orange, que explica o que é o autismo en forma de conto.
Biblioarte
O 15 de abril celébrase o Día mundial da Arte e a Rede de Bibliotecas do Grove realizará unha exposición bibliográfica de libros de arte e prepararán un sorteo de libros sobre esa temática entre todos os usuarios que utilicen o servizo de préstamo o día 15 de abril.
Bibliomonicreques
Para conmemorar o 23 de abril, a Biblioteca organiza un espectáculo de monicreques. Títeres Cachirulo presenta Alicia no País das Marabillas. Recrearanse momentos da historia e o público introducirase no marabilloso mundo da imaxinación. Hai xogos cos espazos, mundos paralelos, transformacións dos personaxes, labirintos, castelos de naipes e gatos que desaparecen.