Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Globos azuis para a concienciación e visitas do alumnado de infantil centran hoxe as actividades da biblioteca municipal do Grove

Fecha: 2013-04-02

 

  • O venres entregaranse os premios do II Concurso de Relatos Curtos Concello do Grove

 

 

A Rede de Bibliotecas do Concello do Grove conmemora esta semana o Día Mundial do Autismo e o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil con actividades para todas as idades. Así, esta mañá desenvolveuse a actividade Bibliopeques, mentres que Biblioazul ocupará a programación de toda a semana.

 

A través de Bibliopeques, o alumnado de educación infantil da escola Monte da Vila achegouse ata a biblioteca para gozar de varias actividades coas que espertar o seu gusto e interese pola lectura. Na biblioteca foron recibidos polo persoal, que lles fixo unha breve explicación sobre o funcionamento do servizo. Posteriormente disfrutaron dunha sesión de contacontos, e tiveron tempo para descubrir a sección infantil da biblioteca.

 

Na casa da cultura puideron atoparse cos Globos Azuis polo Autismo que, dentro da campaña iniciada pola Asociación Por Dereito, colocáronse na Rede de Bibliotecas do Grove, así como no Programa Madruga do CEIP Valle-Inclán.

 

Biblioazul, que así é como se chama o programa municipal para concienciar sobre o autismo, prolongarase ata o venres. A partir das 17.30 horas, na casa da cultura do Grove organizarase unha xornada especial para grandes e pequenos, e con entrada gratuíta. Comezará coa entrega dos premios do II Concurso de Relatos Curtos Concello do Grove, que este ano gañou a alumna Sara Santaya Prieto, do IES As Bizocas, polo seu relato Un café distinto. O premio para esta alumna será a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro e do Día do Libro Infantil; cen euros en cheques regalo para gastar en calquera dos establecementos do Centro Comercial Aberto De Tendas e un lote de libros. Tamén será recoñecido cun áccesit o traballo Noite de Soños, da alumna Carme Dominguez Prol.

 

Tras a entrega dos premios será a quenda dos contos colaborativos con pictogramas, en colaboración coa Asociación Por Dereito. Proxectaranse Os tres porquiños, en versión de Iñigo Estévez con pictogramas do ARASAAC, e Os Bolechas van ao hospital, en lectura fácil de Pepe Carreiro. Tras os contos, visionarase o curto Academia de Especialistas, de Miguel Gallardo e a Fundación Orange, que explica o que é o autismo en forma de conto. A xornada rematará co coloreado de ilustracións dos tres porquiños que levan incorporados pictogramas do Arasaac e co agasallo dun globo azul a cada neno ou nena que asista ás actividades da biblioteca.