O Concello do Grove convoca o II Concurso de Fotografía Medioambiental para alumnos dos últimos ciclos de primaria e secundaria
Fecha: 2013-04-03
O obxectivo é concienciar o alumnado sobre a necesidade de protexer o medio ambiente
Os premios entregaranse o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente
O Concello do Grove convoca a segunda edición do Concurso de fotografía medioambiental destinado ao alumnado dos últimos ciclos de primaria -5º e 6º- e da ESO -3º e 4º- que estean matriculados nalgún dos centros da localidade. O obxectivo que se persegue coa convocatoria deste concurso é concienciar aos rapaces sobre as causas, os efectos e as solucións asociadas ao cambio climático e á perda da biodiversidade, e a necesidade de comprometerse coa protección do medio ambiente e do entorno. Os premios en cada unha das dúas categorías serán cheques regalos por valor de cen euros, para cambiar nos establecementos do Centro Comercial Aberto De Tendas. Todas as fotografías formarán parte dunha exposición fotográfica que se realizará na casa da cultura do Grove.
As persoas interesadas poderán participar con ata dúas fotografías como máximo. As imaxes farán referencia á biodiversidade e outros aspectos relacionados co medio ambiente do municipio: retratos naturais con imaxes que capturen recursos naturais de flora e fauna; boas prácticas medioambientais; ou imaxes que reflictan malas prácticas medioambientais. As fotografías deberán ser inéditas e non ter sido premiadas, nin recoñecidas ou seleccionadas noutros certames ou convocatorias similares. Serán excluídas aquelas fotografías que sexan retocadas, collages, montaxes ou fotografías pintadas. O resto das bases pódense consultar na páxina web do Concello do Grove.
Os traballos entregaranse no propio centro escolar, e o persoal municipal designado pasará a recollelos o 3 de maio. O xurado valorará as fotografías en maio e no mes de xuño farase a exposición. A entrega de premios terá lugar o día 5 de xuño, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente.
Desde o Concello do Grove, a responsable de Educación, Laura Besada anima a todos os rapaces e rapazas a participaren no concurso. “A través dunha actividade divertida -a fotografía-, o alumnado pasará un momento divertido e entretido ao mesmo tempo que comprende e valora sobre a importancia de protexer a natureza e o noso contorno”, declara.
Descargue o díptico coas bases do concurso aquí >