A Concellería de Educación organiza a charla 'Motivación para o estudo. Guía para nais e pais'
Fecha: 2013-04-08
-
O venres, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey
-
Inclúese nas accións postas en marcha este curso para reducir o fracaso escolar
A Concellería de Educación do Grove organiza a charla 'Motivación para o estudo. Guía para nais e pais' co obxectivo de ofrecerlles aos proxenitores as pautas para motivar e dirixir a atención dos nenos sobre os estudos cunhas técnicas de aplicación de psicoloxía infantil e xuvenil.
A charla informativa, que estará impartida por unha psicóloga, impartirase o próximo venres 12 de abril na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, ás 19.00 horas. Está dirixida a nais e pais con nenos en idade escolar, independentemente do curso en que estean matriculados.
As mellores técnicas de estudo fracasan se o estudante non atopa suficientemente motivación para concentrar o seu esforzo en aprender e estudar. A falta de capacidade para motivarse é causa de bastantes fracasos escolares. O alumno posúe capacidade de asimilación, que demostra esporadicamente, pero déixase levar por un camiño onde predomina a falta de constancia, desgana, desinterese e unha tendencia a distraer ou fixar a atención con actividades alleas ao estudo.
Na charla trataranse as seguintes temáticas: avaliación e cambio de hábitos; lograr a concentración en clase, diante dun libro ou á hora de facer os deberes; cada neno é un mundo; motivación positiva cara ao estudo; fomentar actitudes positivas; coordinación entre pais e profesores; e recursos municipais.
'Motivación para o estudo. Guía para nais e pais' vén a completar as iniciativas municipais postas en marcha este curso escolar para mellorar o rendemento académico do alumnado e reducir o absentismo e abandono escolar. Así, súmase aos talleres de técnicas de estudo para pais e alumnos, ao programa de inclusión escolar e ás campañas informativas e de sensibilización sobre o abandono escolar e para fomentar o retorno educativo. Os obxectivos son previr que a mocidade deixe os estudos e fomentar o retorno educativo para aquelas persoas que queiran seguir formándose, informando de todos os recursos educativos existentes.