A biblioteca municipal do Grove, galardoada no Premio María Moliner de Animación á Lectura
Fecha: 2013-04-16
O Programa “Sorprendendo desde a biblioteca” da biblioteca municipal do Grove acaba de ser seleccionado entre os 300 mellores de España no Premio María Moliner de Animación á Lectura. A biblioteca do Grove xa fora tamén galardoada na anterior edición do Premio, que consiste nun lote 180 libros infantís e xuvenís.
A denominación do proxecto xurdiu dos propios usuarios, xa que unha das frases máis escoitadas ao longo do 2012 foi: “Sempre nos sorprendedes con algo novo”.
Esta programación buscaba fomentar o valor da biblioteca como centro de información, acceso á cultura e promoción do libro e da lectura, amosándolle á cidadanía o seu labor a través de servizos e actividades que amosen a importancia da biblioteca municipal do Grove ao servizo da súa comunidade. Tratábase tamén de estender os servizos que habitualmente ofrece no seu espazo habitual máis alá dos seus muros, sacándoos ao exterior e achegándollos aos diferentes sectores sociais.
Así mesmo, queriamos chegar ao maior número de usuarios posible, fidelizando os xa existentes e, ao mesmo tempo, chegando e atraendo outros segmentos da poboación que aínda non coñecían ou non utilizaban a biblioteca.
A biblioteca debe “estar onde os usuarios están”, o que implica asumir os novos canais e as novas ferramentas que os usuarios usan para comunicarse, coñecerse ou manterse en contacto. Por ese motivo, implementouse o uso das novas tecnoloxías, na procura dun maior achegamento ao público usuario co fin de mellorar a calidade dos servizos, invitándoo a participar na creación e modificacións do servizo e buscando unha conversa bidireccional que supere a tradicional comunicación unidireccional.
As redes sociais serviron para lle dar máis visibilidade á biblioteca do Grove, promovendo os seus recursos e servizos, xa que estas ferramentas facilitan a comunicación cos usuarios, a obtención de opinións e constitúen una boa forma de iniciar a conversa con eles. Actualmente estase a traballar na edición da páxina web da Rede de Bibliotecas do Grove a través do Xerador de Sedes Web proporcionado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Todo isto contribuíu a que a cidadanía de todas as idades comezase a utilizar e a percibir a biblioteca municipal como un equipamento ao servizo da comunidade, reforzando o seu protagonismo como punto de encontro, como centro de información, formación e desenvolvemento persoal e como espazo cultural de acceso ao libro e á lectura.
Seguiremos a traballar para mellorar os servizos e a oferta de actividades.