Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Saída de sendeirismo aos canóns do Sil

Fecha: 2013-04-18

 

O domingo 28 de abril, a Concellería de Deportes do Concello do Grove organiza unha saída aos canóns do Sil, onde intentaremos coñecer un pouco máis desta zona.

 

Faremos unha andaina pola ruta de sendeirismo PR-G98. Esta interesante ruta descorre por camiños de carro e sendas do municipio ourensán de Parada de Sil, entre coidadas viñas, centenarios castiñeiros e antigas carballeiras, visitando o magnífico canón do río Sil e os seus preciosos miradoiros. Os fornos, secadoiros e muíños mostran a humanización dunha natureza aínda salvaxe e que agocha coma un pequeno tesouro unha das marabillas históricas deste canón: o singular mosteiro románico de Santa Cristina de Ribas de Sil. 

 

Nós faremos a variante PR-G98.1, entre Parada de Sil e Fondo de Vila, que permite que a ruta poida realizarse reducindo o percorrido á metade do seu trazado, o que fai máis levadeira a nosa xornada. Despois de camiñar, iremos a comer ao restaurante O Curtiñeiro en Parada de Sil.

 

Xa pola tarde, ás 16.30 h, daremos un paseo en catamarán polo Sil, onde coñeceremos desde dentro a orografía peculiar e a historia desta zona vitivinícola de grande importancia na nosa comunidade.

 

Se nos queda tempo, visitaremos, xa de volta, o mosteiro de San Pedro de Rocas, construído no século VI, unha xoia arquitectónica escavada na mesma rocha.

 

Pódese reservar praza na oficina do técnico de deportes, situada no segundo andar da Casa do Concello, ou no tlf.: 657 464 277.

 

O prezo da saída (autobús, comida e viaxe en barco) é de 30 €. Teñen un 25% de desconto no prezo as familias numerosas e persoas desempregadas.