Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Magnífica acollida do programa Bibliofamilia entre as familias grovenses

Fecha: 2013-04-28

Noventa nenos e nenas, acompañados doutros tantos familiares, participaron nas 4 actividades organizadas

 

O programa Bibliofamilia, organizado pola Rede de bibliotecas do Grove, tivo unha extraordinaria acollida entre as familias grovenses. Nada menos que 90 nenos e nenas, acompañados duns 100 familiares, participaron nas actividades propostas. O persoal da Rede de bibliotecas tivo que ampliar o número de participantes en cada actividade e, a pesar diso, houbo lista de espera en todas.

 

Estas actividades, dirixidas ás familias consisten, basicamente, en que os membros da unidade familiar poidan gozar co pracer da lectura e de facer diferentes actividades xuntos, deste xeito pais, avós, tíos… e nenos descubran, experimentan e gozan xuntos cos contos, a creación artística, ou os traballos manuais. Realizáronse na biblioteca municipal do Grove os catro sábados de abril a partir das 11.30 h e as prazas eran limitadas, polo que foi necesario a inscrición previa.

 

A actividade Agora que vai pasar? pechou este ciclo de actividades coa posta en escena dun conto teatral e musicado, unha maridaxe entre a narración, a música en directo e a intervención do público asistente. Nesta ocasión correu a cargo do propio persoal da biblioteca que se encargou de todos os detalles, desde a realización e decoración do escenario ata a narración e a posta en escena, contando coa axuda de varios colaboradores para a música, a tradución e a gravación do evento.

 

A diversidade das actividades propostas xunto coa grande implicación e participación dos familiares na realización destas, foron os puntos clave do seu éxito. O que  contribuíu a crear unha gran demanda deste tipo de actividades: son moitas as peticións que estamos a ter de repetir ou realizar novas actividades, tanto por parte dos que participaron en algunha delas, como de aqueles que se quedaron fóra por falta de prazas.