A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra inviste 130.000 euros en diversas melloras dos centros educativos do Grove
Fecha: 2013-06-14
A maioría dos traballos céntranse na reforma das instalacións eléctricas de cara á posta en marcha das novas tecnoloxías.
O delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, visitou o colexio de Conmeniño, onde as obras acaban de comezar.
Tamén se están a desenvolver estas melloras no CEIP Valle Inclán e nas próximas semanas continuarán en As Bizocas e no IES Monte da Vila.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá varios centros educativos do concello do Grove, acompañado polo alcalde da localidade, Miguel Ángel Pérez, co obxectivo de comprobar as obras que se están a executar co obxectivo de mellorar a electricidade e o saneamento. Nestes traballos, a Delegación Territorial investiu cerca de 130.000 euros.
Cores Tourís estivo acompañado nesta visita polo Xefe Territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.
As obras puxéronse en marcha hai uns días no CEIP Conmeniño e no CEIP Valle Inclán. A próxima semana comezarán os traballos previstos no CEIP Bizocas e no IES Monte da Vila.
Deste xeito, estase a mellorar as instalacións eléctricas destes centros. “Non podemos esquecer que se trata de edificios construídos nos anos 70 e que, por tanto, non se atopan preparados para a chegada das novas tecnoloxías”, explicou Cores Tourís. “Se os centros queren participar en proxectos como o ABALAR teñen que estar preparados, e estas obras permitiranlles aos equipos directivos contar coas instalacións adecuadas para iso”.
De feito, o delegado territorial, agradeceu a colaboración dos directores e das propias comunidades educativas dos centros “para que estas obras poidan executarse sen complicacións e canto antes”.
En concreto, as obras do CEIP Conmeniño roldan os 35.000 euros, mentres no CEIP Valle-Inclán chegan aos 33.000. No IES Monte da Vila investiranse 43.000 euros e no CEIP As Bizocas, 18.500.
A maiores, durante a visita, o delegado territorial e o alcalde do Grove acordaron colaborar tamén nos labores de mellora das luminarias do CEIP Conmeniño. “Deste xeito, o concello colaborará cunha achega económica de 15.000 euros para executar estes traballos de mellora”, explicou Cores Tourís.
“Con todas estas obras dámoslles continuidade ás melloras das instalacións iniciadas nos centros educativos da localidade”, recordando que desde 2009 se investiron desde a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra nos centros educativos de primaria e secundaria do Grove un total de 700.000 euros en distintas obras como arranxo de tubaxes, reposición de pararraios, mellora de cuberta, instalación de carpintería, reforma de aulas infantís e reparación de sinistros vandálicos.