Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove remata o curso de galego para inmigrantes

Fecha: 2013-06-27

 

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove, dependente da Concellería de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación dirixida por Alexandre Aguín, acaba de rematar o curso de lingua galega Achégate ao Galego!

 

O curso foi totalmente gratuíto e tivo unha duración de 30 horas teórico-prácticas nas que se lle ofreceron ao alumnado asistente as canles necesarias para acadar as competencias mínimas da lingua galega, tanto na faceta oral como na escrita, propiciando a súa formación nunha lingua útil para a vida diaria.

 

Outro dos obxectivos que se perseguiu coa realización deste curso foi lograr que os alumnos de orixe foránea acadasen un certo coñecemento da cultura galega que lles permitise situarse no novo espazo que ocupan, a vila do Grove e a comarca do Salnés. Pódese dicir que o curso pretendeu tender unha ponte cultural para que a poboación acabada de chegar á nosa vila se adapte mellor e de xeito progresivo a unha nova cultura, evitando que vexan no idioma un atranco e o adquiran para eles como unha oportunidade, como un medio máis para acadar a súa total integración.

 

Por outra banda, e dado que cada ano resulta moi complicado acadar o número mínimo de preinscricións requirido pola Xunta para solicitar un curso preparatorio para os primeiros niveis do Celga, cómpre salientar a vontade do Concello do Grove para lles facilitar, tanto ás persoas que chegan á nosa terra como ás que se queren achegar ao noso idioma, os medios necesarios para a súa aprendizaxe, algo que sen dúbida redunda en beneficios para os inmigrantes de cara a unha inserción sociolaboral non traumática e para a propia poboación local cun intercambio cultural moi enriquecedor.

 

Durante esta actividade compartiron aulas 9 persoas: 1 de Perú, 2 de Venezuela, 1 de Colombia, 1 de Uruguai, 1 de Arxentina, 1 do País Vasco e 2 do Grove, e todas elas se presentaron as probas para obter os Celga a principios de xuño.