Carpa Xplora Xuventude no Grove
Fecha: 2013-07-26
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, continúa a desenvolver o programa Xplora Xuventude, que se configura a modo de campaña informativa e que ten como finalidade achegarse aos mozos e mozas a pé de rúa aproveitando eventos con gran afluencia de público mozo.
Grazas á colaboración da Concellería de Xuventude e da OMIX, este sábado estará na praza do Corgo do Grove, de 10.00 a 12.00 horas, aproveitando a afluencia de mozos e mozas por motivo do evento O Grove Jam Festival.
En cada un dos concellos visitados instálase unha carpa con múltiples contidos dirixidos ao público xuvenil e ofrécese información sobre recursos e programas para a mocidade e asesoramento para aqueles mozos e mozas interesados.
Cada semana centrarase a atención informativa nunha temática distinta. A pasada semana focalizouse na difusión de programas de mobilidade para a mocidade e os temas escollidos para os vindeiros sete días serán os carnés de desconto: carné xove, alberguista e estudante, que ofrecen interesantes vantaxes para mozos e mozas.
Xplora Xuventude percorrerá 40 concellos das catro provincias galegas ata o 30 de setembro.
Para a consulta sobre as datas e lugares de realización desta campaña informativa, as persoas interesadas en participar poden atopar máis información na páxina web xuventude.xunta.es.