O espectáculo de dinamización lingüística Peter Punk, adiado a pasada semana polo tráxico accidente ferroviario de Santiago, terá lugar o mércores 14 de agosto
Fecha: 2013-08-01
A Concellería de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, dirixida por Alexandre Aguín, anuncia que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, da que é membro o concello meco desde principios do ano que andamos, vai desenvolver o espectáculo de dinamización lingüística na rúa Peter Punk o mércores 14 de agosto, ás 21.00 horas na praza do Corgo. Cómpre lembrar que esta actuación estaba prevista para o pasado 26 de xullo, mais logo do fatídico accidente de tren nas proximidades de Compostela, o grupo de goberno municipal decidiu pospoñelo para outra data.
Peter Punk é un espectáculo de rúa baseado no novo circo e no humor máis retranqueiro co que se quere presentar a lingua como parte esencial da vida cotiá. O protagonista é un personaxe moderno e transgresor que combina as novas tendencias coas artes circenses máis tradicionais.
Con máis de 800 funcións en todo o mundo, Peter Punk (interpretado polo mozo malabarista vigués Isaac Rodríguez) sorprende continuamente cun humor fresco e irónico. Durante o espectáculo xoga en escena co público, coa palabra e con todos os obxectos que vai sacando da súa maleta. É unha actuación trepidante, chea de bo humor e de malabares, no cal a comicidade se mestura coa habilidade na procura da risa e da complicidade do público.
En definitiva, un espectáculo multidisciplinar cheo de alicientes para facernos pasar sesenta minutos moi agradables.