‘Mergúllate no Océano’, unha oportunidade de gozar do mar aprendendo a coñecelo
Fecha: 2013-08-06

Durante dous días instalarase na praza do Corgo un recinto divulgativo promovido polo Campus do Mar que busca achegarlle o coñecemento do mar á sociedade.
Os días 9 e 10 de agosto a praza do Corgo no Grove converterase nun pequeno laboratorio de investigación en ciencias e tecnoloxías mariñas co que o Campus do Mar pretende invitar a cidadanía a coñecer o mar en profundidade.
Durante os dous días en que "Mergúllate no Océano" estará na localidade grovense, os participantes poderán sentirse como auténticos científicos mariños realizando coas súas propias mans sinxelos experimentos e descubrindo como funcionan os océanos. Esta proposta divulgativa para todas as idades do Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar, que conta co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e o apoio do Concello do Grove, ten como obxectivo achegarlle as ciencias e tecnoloxías mariñas á sociedade e destacar a importancia que para o progreso da humanidade ten coñecer e conservar os océanos.
"Mergúllate no Océano" concíbese como un recinto expositivo duns douscentos metros cadrados de extensión no que, a través de oito obradoiros, descubriremos, por exemplo, de onde procede o peixe que comemos habitualmente, como funcionan as correntes mariñas ou a importancia que teñen as dunas, Os monitores, expertos en divulgación, buscan en cada unha das actividades implicar o público asistente e espertar a súa curiosidade presentándolles pequenos retos para que, como fan acotío os investigadores, poidan chegar a descubrir o funcionamento do mar e dos seres que o habitan.
Aqueles que queiran participar nesta experiencia recibirán á entrada un pasaporte que deberán ir selando en cada un dos obradoiros a medida que van completando as diferentes actividades propostas, que abranguen ámbitos tan variados como a ecoloxía, a bioloxía, a oceanografía ou as tecnoloxías aplicadas ao medio mariño. Unha vez acaden todos os selos, serán xa uns auténticos científicos mariños e poderán cambiar o seu pasaporte por un pequeno agasallo á saída.
O Grove constitúe a segunda parada desta acción que arranca en Vigo os días 2, 3 e 4 de agosto e que percorrerá diferentes vilas galegas durante todo o mes e que forma parte do programa de divulgación científica do Campus do Mar, un proxecto promovido polas tres universidades de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas e o Instituto Español de Oceanografía e no que participan 23 universidades, centros e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con intereses na docencia e investigación mariña.