Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

'Pedaladas polo recordo', marcha cicloturista en homenaxe ás vítimas e aos voluntarios do sinistro de Angrois

Fecha: 2013-08-20

 

Baixo o lema ‘Pedaladas polo recordo’, o venres 23 de agosto a Deputación de Pontevedra e Unipublic promoven unha marcha homenaxe ás vítimas do sinistro de Angrois e ás que o deron todo por axudar. Deste modo, reorganizarase e cambiarase a filosofía da ‘Etapa de la Vuelta' que estaba pensada como unha marcha cicloturista para profesionais e semiprofesionais cun custo de inscrición de 20 euros. Agora pasa a ser unha actividade de carácter gratuíto na que os participantes lucirán camisetas en lembranza dos afectados polo accidente ferroviario de Santiago de Compostela.

 

Así mesmo e co obxectivo de que se poidan sumar a esta homenaxe o maior número de persoas posible, ademais da marcha prevista inicialmente —de 130 quilómetros de lonxitude con saída no porto de Vilanova de Arousa e chegada ao monte Lobeira (9.30 horas)—, organizarase outra cun percorrido máis curto e sinxelo orientado a familias con nenos e a ciclistas afeccionados. Esta contará cun percorrido de sete quilómetros que sairá igualmente do porto de Vilanova de Arousa, aínda que unhas horas máis tarde (sobre as 12.00 horas). O obxectivo deste inicio máis tardío é que os participantes dos dous percorridos poidan estar unha vez máis no porto de Vilanova á mesma hora, para celebrar un acto de convivencia co que rematará a marcha.

 

Por último, os participantes terán a oportunidade de ver in situ a zona de saída inédita da Volta a España, que será desde unha batea, e posteriormente ofreceráselles a todos una comida tamén de balde.

 

As inscricións só serán necesarias para a marcha longa (pódese inscribir premento nesta ligazón>). Para a curta simplemente será preciso estar na saída ás 12.00 horas.

 

Os dorsais e camisetas poderanse retirar o xoves 22 de agosto, entre as 18.00 e as 21.00 horas, no porto de Vilanova de Arousa.