Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove premiará o alumnado cos mellores expedientes de secundaria do curso 2012-2013

Fecha: 2013-09-09

 

O obxectivo dos Premios de Excelencia Académica é fomentar e destacar o rendemento académico do alumnado

Trátase da quinta edición dos premios

 

 

O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, convoca a quinta edición dos Premios á Excelencia Académica para os alumnos e alumnas de educación secundaria dos centros públicos do municipio. Pretenden recompensar o esforzo realizado polos alumnos máis sobresaíntes no último curso escolar, pero tamén ser un estímulo para os demais compañeiros.

 

O obxecto da convocatoria será o de premiar o rendemento educativo do alumnado con mellor expediente académico en cada unha das etapas de educación secundaria, que cursaron estudos durante o curso 2012/2013 nalgún dos dous centros públicos deste concello, IES Monte da Vila e IES As Bizocas. Outorgaránselles dous premios iguais, un para a ESO e outro para bacharelato, aos alumnos ou alumnas cos mellores expedientes académicos en cada unha das dúas etapas. A valoración basearase na nota media das súas cualificacións nos catro cursos de ESO ou nos dous de bacharelato, segundo sexa o caso, excluíndo a materia de relixión.

 

A dirección de cada un dos centros remitiralle nos próximos días ao Concello do Grove a proposta do alumnado aspirante a estes premios, acompañada do certificado da nota media das súas cualificacións. Unha comisión realizará a elección das persoas premiadas en base ás cualificacións obtidas polo alumnado. Esta comisión estará presidida pola concelleira delegada de Educación, e formarán parte como vocais os directores dos centros, actuando un deles como secretario. Esta comisión dirimirá os empates no caso de producirse.

 

O premio en cada unha das categorías consistirá na entrega dun diploma acreditativo e cheques regalo por valor de 200 euros para trocar no comercio local.

 

A Concellería de Educación do Grove recuperou o pasado curso escolar esta iniciativa, que foi posta en marcha en 2004, pero que non se convocara desde o curso 2005/2006. O ano pasado, o Concello do Grove premiou a Marta Caneda Portela polos seus resultados académicos na ESO, mentres que en bacharelato o mellor expediente foi o de Olga Pérez Barral.