Aberto o prazo de inscrición nas actividades extraescolares organizadas pola Concellería de Educación
Fecha: 2013-09-16
Dirixidas a nenos e nenas de infantil e primaria
Aínda hai prazas dispoñibles no Programa Madruga do CEIP Valle-Inclán
A Concellería de Educación abre o prazo de inscrición para as actividades extraescolares do curso 2013-2014. Desde o concello volven a apostar polas actividades de Natación e Gozando da biblioteca, que completan e reforzan aos talleres organizados polas propias asociacións de nais e pais dos diferentes centros escolares. As persoas interesadas en participar pódense inscribir na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ata completar as prazas dispoñibles.
As clases de natación desenvolverase na piscina de Cambados. Haberá dous grupos, os martes de 17.00 a 17.45 horas e os venres de 16.15 a 17.00 horas. Un autobús gratuíto sairá desde O Grove para trasladar os nenos á actividade. Como anos anteriores, as paradas serán CEIP Valle-Inclán –os martes-, O Corgo, Terra de Porto –os venres- e As Cortiñas.
Por terceiro curso consecutivo, e ante o éxito das edicións anteriores, vólvese a apostar pola actividade Coñecendo e gozando da biblioteca. Está dirixida para nenos de infantil e primaria, que gozan de obradoiros para espertar o seu interese pola lectura, con traballos manuais, animacións, xogos… Empeza en novembro na biblioteca municipal do Grove, e os grupos estableceranse por idades.
Ademais, desde a Concellería de Educación xa se están organizando xornadas para pais e nais con fillos en idade escolar, que serán presentados nos vindeiros días.
Tamén proximamente se lles presentará ás asociacións de nais e pais do Grove e aos propios centros escolares a guía O Grove educa, onde se inclúan as actividades organizadas por algúns dos departamentos e concellerías municipais en colaboración cos propios colexios e institutos. Con ela preténdese achegar os recursos municipais para contribuír ao aumento da calidade do ensino público, darlles a coñecer os servizos municipais e seu contorno aos escolares e fomentar a participación destes na vida municipal.
Programa madruga
Co inicio do curso escolar, a Concellería de Educación tamén puxo en marcha o Plan Madruga no CEIP Valle-Inclán, un servizo que facilita a conciliación familiar das familias do alumnado do centro. Así, contan neste servizo municipal con todas as facilidades para garantir a compatibilidade dos seus horarios laborais cos horarios escolares dos seus fillos. Desde as 7.30 horas, un monitor recolle os pequenos e organiza actividades e xogos cos que entretelos ata o inicio das clases, momento en que os acompaña ata as súas aulas.
Aínda hai prazas dispoñibles, polo que os pais ou as nais que queiran inscribir os seus fillos poden anotarse no edificio administrativo municipal. Xunto coa solicitude, deberán presentar no Rexistro xeral do Concello un resgardo de matrícula escolar, unha copia do libro de familia, dos DNI da nai e do pai, do título de familia numerosa (de ser o caso) e da tarxeta sanitaria do menor.
O prezo deste servizo é 30 euros ao mes, agás no caso de subscribirse ao programa máis dun irmán, de pertencer a unha familia numerosa ou monoparental. Nestes supostos, aplícase unha redución do 20%. Ademais de para os usuarios habituais, o Concello tamén pon á disposición das familias bonos de dez días para que poidan utilizar o servizo en días soltos ao longo de todo o curso, no caso de que apareza unha urxencia ou se cree unha necesidade concreta nun día determinado. Neste caso, o prezo por día de asistencia é 2,5 euros.