Trece alumnos das actividades de reforzo que organizou a Concellería de Educación no verán pasaron de curso
Fecha: 2013-09-26
Son obradoiros de recuperación dirixidos ao alumnado que pode encontrarse en risco de abandono temperán do sistema educativo
Os obradoiros de reforzo educativo para o alumnado de secundaria que a Concellería de Educación organizou durante os meses de xullo e de agosto foron un éxito de participación, xa que se conseguiron cubrir todas as prazas ofertadas, pero tamén de resultados, porque practicamente a metade do alumnado que asistiu ás clases de recuperación conseguiu pasar de curso tras examinarse nas probas de setembro.
Estes talleres estiveron dirixidos ao alumnado que pode atoparse en risco de abandono temperán do sistema educativo polas diferentes dificultades que van atopando, ben sexan académicas, familiares, persoais…, e cuxo rendemento escolar ao longo do pasado curso colocaba a algúns deles nunha situación de dificultade para continuar dentro do sistema educativo.
Tras as clases de apoio durante o verán, ademais destes trece alumnos que conseguiron aprobar en setembro o número suficiente de materias para pasar de curso, outros catorce conseguiron aprobar algunha das materias que tiñan pendentes, e só catro non conseguiron superar ningunha das materias que estiveron preparando durante estes dous meses.
Tamén é de resaltar a valoración xeral dos pais, do propio alumnado e dos profesores que impartiron os talleres, que foi moi positiva, manténdose unha asistencia regular e desenvolvéndose con total normalidade. Esta valoración e os resultados acadados nesta primeira experiencia son suficientes para que a Concellería de Educación xa confirme a continuidade deste programa o próximo verán.
As actividades propostas para os meses de xullo e de agosto comprendían clases teórico-prácticas, apoiadas en todo momento por sesións transversais de técnicas de estudo e outras habilidades necesarias para o desenvolvemento integral da aprendizaxe.
As clases impartíronse no instituto Monte da Vila, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os 30 alumnos estaban divididos en dous grupos. Á parte das propias actividades relacionadas co apoio e a recuperación das materias suspendidas tanto na rama das humanidades (sociais, historia, xeografía), como das linguas (lingua española, galego, inglés) e da vertente científica (matemáticas, física e química e tecnoloxía), tamén se dedicaron sesións á mellora das habilidades sociais, ao aumento dos niveles de motivación e ao adestramento en técnicas de estudo. A gratuidade do programa permitiu que participasen neste apoio escolar alumnos que doutro xeito non poderían recibilo.
Estes obradoiros realizáronse dentro das diferentes iniciativas que a Concellería de Educación puxo en marcha no último curso para reducir o abandono escolar entre o alumnado de secundaria. Neste sentido, ademais deste programa, apostouse por organizar varios talleres de técnicas de estudo para o alumnado e os seus pais; charlas de motivación cara ao estudo, o programa de inclusión escolar para evitar as expulsións no centro e ata campañas de sensibilización para previr o abandono escolar e fomentar o retorno educativo.