Sesenta nenos participan nas clases de natación que organiza a Concellería de Educación
Fecha: 2013-09-30
A extraescolar Gozando na Biblioteca comeza en novembro
Nos próximos días presentarase aos colexios e ás ANPA a Guía O Grove Educa deste curso
As clases extraescolares de natación que organiza a Concellería de Educación inaugúranse mañá martes na piscina de Cambados. Sesenta nenos de educación infantil e primaria participan nesta actividade, que este curso adianta o seu inicio ao mes de outubro.
Divididos en dous grupos, os martes e os venres, o obxectivo é que os nenos aprendan a nadar, pero tamén que obteñan un desenvolvemento integral nos ámbitos físico, psíquico, cognitivo, afectivo e social. Un autobús subvencionado pola concellería sae cada un destes días do Grove. Os martes, as paradas son no colexio Valle-Inclán, O Corgo e As Cortiñas; os venres, no Corgo, Terra de Porto e As Cortiñas.
Outra das actividades extraescolares que organiza a Concellería de Educación é Coñecendo e Gozando da Biblioteca. Esta actividade comezará en novembro na biblioteca municipal do Grove, e xa están todas as prazas cubertas. Trátase dunha proposta que pretende espertar a imaxinación e a creatividade mediante os recursos que ofrece a lectura; experimentar a biblioteca como un contorno máxico de encontro cos libros e con outros nenos e nenas e establecer un primeiro contacto cos libros dunha maneira lúdica, facilitando o xogo. A rapazada atopará actividades de carácter pedagóxico, con obradoiros lúdicos, animacións, xogos e manualidades de acordo coas súas idades.
Estas actividades extraescolares están incluídas na Guía O Grove Educa que está elaborando o Concello do Grove para os centros escolares e as ANPA co obxectivo de reunir nun mesmo documento practicamente toda a oferta educativa e lúdica que algunhas concellerías organizan para nenos e nenas de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ben sexa fóra do horario escolar ou en colaboración cos propios centros. Esta guía presentarase proximamente nos centros escolares e ás asociacións de nais e pais de alumnos.