Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O alumnado do curso de galego para inmigrantes impartido polo SNL do Concello do Grove obtén excelentes resultados nas probas Celga 2013

Fecha: 2013-10-02

www.concellodogrove.es/index.php 

O pasado mes de marzo, o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove, departamento que dirixe o concelleiro Alexandre Aguín, puxo en marcha o curso Achégate ao Galego coa intención de que as persoas chegadas de fóra do país puidesen adquirir de balde uns coñecementos básicos sobre o idioma e a cultura galega e converter, deste xeito, a lingua galega nun factor máis para a súa integración na sociedade de acollida. O curso tamén estaba aberto á veciñanza da vila que quixese mellorar o seu nivel de galego ou, simplemente, repasar ou actualizar os seus coñecementos sobre o idioma, o que fomentou na aula un clima de interculturalidade, de descubrimento da riqueza que supón a diversidade e da posta en valor do propio.

 

Esta actividade permitiulles compartir aula, idioma e experiencias vitais a nove persoas procedentes de lugares tan dispares como Perú (1), Colombia (1), Venezuela (2), Arxentina (1), Uruguai (1), País Vasco (1) e O Grove (2).

 

Aínda que o propósito inicial do curso non era examinarse, chegado o mes de xuño, a maioría dos asistentes decidiron presentarse ás probas para obter o certificado de lingua galega (Celga) 2013.

 

A finais da pasada semana, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publicou as listaxes definitivas de persoas “aptas” e “non aptas” nas anteditas probas e os resultados acadados polos alumnos do curso Achégate ao Galego foron magníficos: un deles aprobou o Celga 1, cinco obtiveron o Celga 2 e dúas pasaron o Celga 3.

 

O Concello xa está a organizar un novo curso das mesmas características para comezar a finais do mes que andamos ou principios do que vén. As persoas interesadas poden informarse no SNL municipal, situado na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.