Un total de dezanove participantes preséntanse ao Festival da Canción do Grove 2013
Fecha: 2013-10-07

O Festival da Canción do Grove, organizado pola Concellería de Cultura, arranca de novo coa participación de dezanove intérpretes.
Este evento terá lugar os días 9 e 10 de outubro no Pavillón de Congresos e Exposicións da Illa da Toxa a partir das 21.30 h. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.
O día 9 terá lugar a semifinal do Festival, na cal un xurado, composto por catro persoas directamente relacionadas co mundo da música, terá que seleccionar dez participantes para intervir na final do día 10. Desa final sairán o primeiro premio, dotado con 1800 €, e dous accésits, de 600 € cada un.
Aínda que nun principio estaba previsto que tan só interviñese un máximo de quince participantes na semifinal do día 9 de outubro, a organización, dado que nesta edición se volve facer o Festival despois de moitos anos, tomou a decisión de darlles a oportunidade de participaren a todos os aspirantes que presentaron a súa solicitude.
Cada concursante ou grupo de concursantes interpretará un só tema, que xa foi elixido previamente pola organización do Festival. A voz será en rigoroso directo e poderá ter o acompañamento de música gravada ou de instrumentos.