Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove solicítalle a Educación que amplíe as paradas escolares do Instituto As Bizocas

Fecha: 2013-10-22

 

O obxectivo é evitar a distancia excesiva e perigosa que os alumnos percorren en inverno e nos días de mal tempo

 

O Concello do Grove, dando resposta ás solicitudes feitas por nais e pais do alumnado do instituto de secundaria As Bizocas e co apoio do Consello Escolar deste centro, solicitou ante a Xefatura Territorial de Educación que se recuperen dúas paradas de transporte escolar nas rutas que fan os autobuses deste instituto, e que mellorarían de xeito significativo a seguridade do alumnado. A recuperación destas paradas, ademais, non supón ningún desvío no transporte, xa que están dentro das rutas que diariamente realizan os autobuses para achegar os alumnos ao centro.

 

A primeira das paradas é na avenida Tenente Domínguez e trátase dunha parada escolar que foi eliminada cando os rapaces e rapazas desta zona non precisaban de transporte para desprazarse ata o colexio de primaria nin o instituto de secundaria. Anos máis tarde, e co traslado do alumnado do CEIP Valle-Inclán ao centro de secundaria das Bizocas, restablecéronse varias paradas escolares na contorna, pero non a que estaba nesta rúa. Para o alumnado que reside neste lugar, as paradas máis próximas son Ardia e Beiramar, que entre elas teñen unha distancia de 1,3 quilómetros. A parada proposta estaría na metade do traxecto, evitando así unha distancia excesiva e perigosa para camiñar en inverno e os días de mal tempo.

 

No que respecta á segunda das propostas, no lugar do Outeiro, na parroquia de San Vicente, trátase de recuperar unha parada que está incluída nas rutas de primaria e que, como no caso anterior, melloraría de xeito significativo a seguridade do alumnado. É o punto máis afastado da ruta escolar e, polo tanto, os rapaces e as rapazas deste lugar son quen máis necesidade teñen de autobús. Ademais, a ausencia de beirarrúas supón un perigo para que o alumnado camine a diario e con climatoloxía adversa ata a parada máis próxima.