O Concello consegue o compromiso do consorcio para avaliar as necesidades da Escola Infantil de Rons e establecer un plan de actuación
Fecha: 2013-11-15
-
O alcalde e a concelleira Laura Besada reuníronse co xerente do consorcio, Roberto Rodríguez, en Santiago de Compostela
-
Está previsto que, se hai demanda, a escola permaneza aberta en agosto
O alcalde do Concello do Grove, Miguel Ángel Pérez, e a concelleira delegada de Educación, Laura Besada, destacan o importante compromiso adquirido polo xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, durante o encontro que a mañá de onte mantiveron en Santiago de Compostela. Desde o Concello do Grove trasladáronlle a preocupación polo estado da construción da Escola Infantil de Rons, situación ante a que o xerente tamén se mostrou especialmente sensible. Trátase dunha escola infantil xa antiga e, entre outros, con importantes problemas de humidades no interior.
Durante a reunión, o xerente comprometeuse a facer un anteproxecto coa valoración de todas as necesidades que ten a escola infantil, e a partir de aí, xa en xaneiro, priorizar as reformas e os prazos de execución. Tanto o alcalde como a concelleira entenden que é urxente cambiar a cuberta do edificio, xa que está provocando importantes humidades no centro. A pesar de que a Concellería de Educación limpa e elimina con frecuencia a maleza das canaletas para evitar a acumulación de auga, esta é unha medida temporal que precisa dunha actuación na estrutura do edificio que poña fin ao problema.
Outro dos temas para tratar foi a apertura da escola infantil en agosto. Trasladáronlle a preocupación das nais e dos pais do alumnado e comezaron as xestións para asegurar o funcionamento do centro durante todo o verán. Neste sentido, e tal e como se fixo nos dous últimos cursos, o Consorcio abrirá a principios de ano o prazo para que os pais xustifiquen a necesidade de manter a escola aberta en agosto.
Cabe recordar que durante este ano a Concellería de Educación fixo importantes investimentos na Escola Infantil de Rons. Así, colocáronse estores nalgunhas das aulas para evitar un excesivo quentamento durante o verán, illar a claridade e mellorar o tempo da siesta dos pequenos. Ademais, tamén se substituíron os váteres das aulas, que xa estaban deteriorados, por outros adaptados ás idades dos nenos. Ademais, concluíronse diversos traballos de carpintería, fontanería e albanelería… Desde a concellería tamén se dotou de material á gardería, desde cambiadores e obxectos propios para o coidado, ata xogos infantís de interior e exterior para o ocio dos nenos. E nos próximos días melloraranse os accesos laterais ao edificio.