A Concellería de Educación convoca o XV Concurso de Postais de Nadal para o alumnado de infantil e primaria
Fecha: 2013-11-25
O Concello do Grove utilizará o debuxo gañador para realizar as felicitacións oficiais do Nadal
A Concellería de Educación do Grove convoca o alumnado de educación infantil e primaria da localidade a participar na décimo quinta edición do Concurso de Postais do Nadal. O tema para desenvolver será o Nadal e a técnica é totalmente libre.
A presentación dos traballos terá como data límite o mércores 11 de decembro, nos centros escolares ou na Biblioteca Municipal Manuel Lueiro Rey, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas. Os debuxos deberán estar presentados nun folio DIN A4 e, de ser posible, totalmente debuxados. As obras deberán levar na parte posterior do folio o nome e apelidos do/a participante, así como o número de teléfono, o curso e o centro educativo onde está matriculado/a.
O premio para o debuxo gañador será un lote de libros, material escolar e a súa publicación en forma de postal do Nadal dixital, que utilizará o Concello do Grove para realizar as felicitacións oficiais durante as festas. Todos os debuxos participantes serán expostos na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a partir do luns 16 de decembro. O ditame do xurado darase a coñecer o mércores 18 de decembro e a entrega de premios será o venres 20, antes dun espectáculo infantil de Nadal na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Para ese día, a proposta da Concellería de Educación é o espectáculo de teatro, clown e maxia Chapuzas a domicilio, da compañía Expresión Producións e que está dirixido para toda a familia. A entrada será de balde.