Prazas completas no obradoiro que Luís Dávila ofrece o vindeiro sábado dentro do programa 'As imaxes tamén contan'
Fecha: 2014-02-06
-
Inclúe talleres de ilustración, tira cómica e caricaturas en febreiro e marzo
-
Organizado polas concellerías de Educación e de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías
A biblioteca municipal do Grove acolle este sábado o primeiro dos obradoiros incluídos no programa “As imaxes tamén contan”, posto en marcha polas concellerías de Educación e de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías. A primeira proposta é o taller de viñetas e caricaturas de Luis Dávila, que comezará ás 11.00 horas. Durante dúas horas, amosará e explicará as súas técnicas de traballo e deleitará a todos os asistentes coa realización de varias viñetas e caricaturas. Luis Dávila publica diariamente as tiras de humor O Bichero e O Fotomatón no Faro de Vigo, e conta tamén con colaboracións co portal de información local Todogrove.com.
Este programa está espertando grande interese entre a cidadanía. Para este primeiro obradoiro cubríronse todas as prazas dispoñibles e o taller do día 15, está practicamente cheo. As inscricións pódense seguir facendo na propia biblioteca municipal do Grove. Nesa ocasión é quenda de Mau (Enrique Mauricio Iglesias) e Pin (Carlos Álvarez Taboada), autores da colección “Polo correo do vento”, publicada por Xerais. O taller “O tesouro do pirata Benito Soto”, que contará cun conto ilustrado e un obradoiro de debuxo, é o único dos propostos que está dirixido para nenas e nenos e os seus acompañantes. O conto ilustrado versará sobre unha historia de amor e investigación, no que se realiza una maridaxe entre a narración e a ilustración: mentres o autor narra o conto, o ilustrador realiza un mural relacionado coa historia que se relata. A actividade complétase cun mini-obradoiro de ilustración no que os asistentes aprenderán a debuxar as personaxes da historia guiados polo ilustrador.
O programa “As imaxes tamén contan” complétase con outros dous obradoiros en marzo, que xa teñen a metade das prazas cubertas. O día 15, o encontro será con Gogue e as súas caricaturas. Realizará unha demostración das técnicas do seu traballo e agasallará aos asistentes coa realización de caricaturas. Tamén se establecerá un pequeno debate co fin de que os participantes poidan facer todas as preguntas que consideren para ser contestadas por Gogue. Este artista publica no Faro de Vigo e Strategyweek, American Politics Journal, Humorinthenews, The Earth Thimes, The Bush Blade ou na Clever Magazine, todos eles nos Estados Unidos.
O programa remata o sábado 22 cun obradoiro de ilustración a cargo de Pepe Carreiro, escritor, debuxante e ilustrador infantil creador da serie Os Bolechas (editada por A Nosa Terra). É humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada. Tamén é súa a serie Os Formigón (A Nosa Terra); a serie Os Pequenos Barbanzóns, en colaboración con Abraham Carreiro (Toxosoutos); e varios contos para as coleccións Contos do Miño (A Nosa Terra), Merlín (Xerais), Árbore (Galaxia) e A chalupa (Galaxia). Foi 3º premio ex aequo con Xan González do Concurso Nacional O Facho de Cómics para nenos en 1980, por A illa dos carballos. No ano 2013 recibiu o premio Bo e Xeneroso da AELG.
Con esta proposta, as concellerías de Educación e de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías pretenden achegar aos asistentes á experiencia real do debuxo e a ilustración; descubrir as posibilidades expresivas, significantes e comunicativas da imaxe; desenvolver a creatividade dos participantes; promover procesos de coñecemento da animación, mediante técnicas de debuxo e ferramentas tecnolóxicas; ou fomentar a compresión lectora por medio das imaxes e a lectura dos contidos.