A Concellería Educación inaugura as clases de apoio coa participación de 24 alumnos de secundaria
Fecha: 2014-02-07
- Son talleres de recuperación dirixidos a alumnado que pode encontrarse en risco de abandono temperán do sistema educativo
A Concellería de Educación do Grove acaba de poñer en marcha unha nova edición dos obradoiros de reforzo educativo para o alumnado de secundaria, co obxectivo de previr e reducir o abandono escolar. A través destas clases, nas que participan un total de 24 alumnos, ofrécense instrumentos para minimizar as carencias detectadas en cada un dos participantes, recuperar as materias non superadas no primeiro trimestre do curso e a implantar en cada alumno unhas habilidades e mentalidade de traballo autónomo de cara ao futuro. A gratuidade do programa permite que participen neste apoio escolar alumnos que doutro xeito non poderían telo recibido.
Trátase das mesmas clases de apoio educativo postas en marcha durante os meses de verán e que tan bo resultados obtiveron entre o alumnado. Os resultados acadados e as opinións dos participantes foron determinantes para que a concellería de Educación decida adiantar esta actividade e ofrecela durante o curso escolar, reforzando así ao máximo as ensinanzas, e buscando solucións inmediatas aos resultados obtidos tras as primeiras avaliacións académicas.
Como en aquela ocasión, os obradoiros de reforzo están dirixidos ao alumnado que pode atoparse en risco de abandono temperán do sistema educativo polas diferentes dificultades que van atopando, ben sexan académicas, familiares, persoais…, e cuxo rendemento escolar ao longo do primeiro trimestre do curso foi deficiente.
O programa desenvolverase ata o final do curso escolar, e conta con clases teórico-prácticas, apoiadas en todo momento por sesións transversais de técnicas de estudio e outras habilidades necesarias para o desenvolvemento integral do aprendizaxe. As clases impártense os martes e xoves no Edificio de Usos Múltiples do Concello do Grove. Os 24 alumnos, pertencentes aos dous institutos do Grove, divídense en dous grupos, segundo o curso académico. Aparte das propias actividades relacionadas co apoio e a recuperación das materias suspendidas tanto na rama das Humanidades (Sociais, Historia, Xeografía), como das linguas (Lingua Española, Galego, Inglés) e da vertente científica (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía), tamén se dedicarán sesións á mellora das habilidades sociais, ao aumento dos niveles de motivación e ao adestramento en Técnicas de Estudo.
Estes talleres inclúense dentro das diferentes iniciativas que a concellería de Educación ten en marcha co obxectivo de reducir o abandono escolar entre o alumnado de secundaria. Neste sentido, ademais deste programa apóstase por organizar talleres de técnicas de estudo para o alumnado e os seus pais; charlas de motivación cara o estudio; o programa de inclusión escolar para evitar as expulsións no centro; campañas de sensibilización para previr o abandono escolar e fomentar o retorno educativo; e esta mesma semana inaugurouse a Escola de Familia 1.0.