‘Parlamento’ de Carlos Álvarez Besada, obra gañadora do IV Concurso de Pintura Ernesto Goday
Fecha: 2016-12-01
A obra foi a elixida entre os 54 participantes e os 18 preseleccionados.
O xurado reunido o pasado martes acaba de emitir o seu ditame para o IV Concurso de Pintura Ernesto Goday. Nesta edición o gañador foi o pintor grovense Carlos Álvarez Besada coa obra titulada “Parlamento”. Trátase dun óleo sobre chapa de 1,50 x 1,50 que representa unha escena cotiá e moi coñecida nun barrio do Grove.
O xurado quixo destacar a gran calidade das obras presentadas a esta IV edición, o que dificultou a selección da obra gañadora. Por este motivo, tamén se outorgaron tres mencións especiais a outras obras do concurso, en concreto a “O Esteiro” de Raúl Gil Rodríguez, obra que procede de San Adrián (Navarra), con técnica mixta sobre táboa; “No Porto”, de Raúl Gil Burés (Rianxo), un óleo sobre lenzo, e “Mejillonera”, de Albert Sesma López, de Corella (Navarra), un acrílico e lenzo sobre óleo.
Desde o Concello do Grove amósase a satisfacción polo éxito que se conseguiu con este concurso que pretende situarse como un dos de referencia no panorama pictórico nacional. A entrega do premio realizarase nas vindeiras semanas e servirá para recoñecer o premiado, pero tamén para reivindicar a figura de Ernesto Goday como un dos artistas máis internacionais do Grove.