Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A XLVIII Festa do Marisco acolleu onte a celebración das xornadas gastronómicas A Cociña do Mar, este ano dedicadas ao mexillón de Galicia

Fecha: 2011-10-07

 

A carpa institucional desta XLVIII Festa do Marisco acolleu na tarde de onte xoves a terceira edición das xornadas gastronómicas A Cociña do Mar, un evento promovido pola agrupación empresarial Emgrobes e centrado este ano no mexillón de Galicia. As xornadas foron inauguradas polo alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez; o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Juan Carlos Maneiro e o presidente de Emgrobes, José Besada.

 

Pérez destacou na súa intervención a importancia que o mexillón ten na economía da localidade, posto que "desde hai décadas, son moitas as familias que viven deste cativador bivalvo", nunha localidade en que naceu a primeira cooperativa de Galicia, Amegrove, dedicada precisamente a este produto, que o primeiro edil definiu como un "tesouro negro con corazón alaranxado".

 

O rexedor grovense fixo tamén énfase no feito de que estas xornadas gastronómicas veñan "logrando ano a ano unha maior relevancia", algo que atribuíu ao "bo facer" e ao "entusiasmo" que Emgrobes puxo nesta iniciativa.

 

O director xeral de Competitividade, pola súa banda, iniciou a súa intervención desculpando a ausencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen finalmente non puido asistir a este acto debido ao "desgraciado accidente" sucedido a pasada noite no porto da Coruña.

 

Maneiro destacou no seu discurso o valor de dedicar xornadas como esta a "produtos que nos dan fama e nos fan ser coñecidos no mundo enteiro", e gabou tamén as xornadas gastronómicas nas que se inscriben, que converten nestes días a localidade na "capital dos produtos do mar".

 

"A Festa do Marisco alcanza xa a súa corenta e oito edición, gañando en cada unha delas os recoñecementos de todos aqueles que a visitan, converténdose no paradigma, e no mellor exemplo de como a gastronomía contribúe de forma importante á economía pesqueira e marisqueira", engadiu o representante da Consellería do Mar, quen tamén fixo énfase na importancia que a actividade mexilloneira ten para a economía local. "No Grove o mexillón e as industrias asociadas son o principal elemento dinamizador do emprego", asegurou.

 

Tamén participou deste acto inaugural o presidente de Emgrobes, José Besada, quen definiu estas xornadas gastronómicas como "a pequena achega" da agrupación empresarial á Festa do Marisco; ao tempo que recalcou que a gastronomía é, xunto coa paisaxe e as praias, o "principal atractivo do Grove".

 

Tras a finalización do acto inaugural, comezou unha charla-coloquio na que participaron a directora do Intecmar, Covadonga Salgado; o presidente de Amegrove, Francisco Padín, a veterinaria e directora de calidade desta cooperativa mejillonera, Antonia González; o especialista en nutrición Jesús López e o delegado de turismo de Emgrobes, Rafael Mourelos.

 

Tras a finalización da charla, A Cociña do Mar completouse cunha degustación gratuíta de pratos preparados con mexillón de Galicia, que foron elaborados pola xerente de A Tapería, Lorena Moldes; o xefe de cociña do Gran Hotel da Toxa, Enrique Martínez e o representante do restaurante Don Mexilón, Manuel Agrelo.