O Concello do Grove lémbralles ás persoas afectadas que a OMIC asesora e informa a quen desexe reclamar ante as entidades de crédito pola subscrición de participacións preferentes
Fecha: 2012-05-03
Pasaron xa pola OMIC máis de 30 persoas afectadas para solicitar información e asesoramento e para coñecer os trámites que deben realizar.
O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Grove, Juan Luis Callón, recordalles ás persoas afectadas polas participacións preferentes que a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) do Concello do Grove está á súa disposición para o asesoramento no tocante a reclamar a devolución do diñeiro investido.
Para reclamar ante unha entidade de crédito, os clientes deben, en primeiro lugar, dirixirse ao servizo de atención da dita entidade. Se a entidade de crédito non admite a reclamación, a desestima ou non resolve nun prazo de 2 meses, o cliente pode acudir á Oficina de Atención ao Investidor da Comisión Nacional do Mercado de Valores (r/ Miguel Ángel 11, 2801-0, Madrid), que deberá responder a reclamación nun prazo de catro meses.
Todas as oficinas das entidades de crédito deben ter á súa disposición follas de reclamación ante o citado Servizo de atención, e igualmente todas as entidades deben ter un Regulamento para a Defensa do Cliente que debe estar a disposición das persoas afectadas (tamén na páxina web de cada entidade).
A resolución da Oficina de Atención ao Investidor da CNMV, aínda ou no caso de que sexa favorable para o cliente, non é vinculante para a entidade de crédito.
Finalmente, o cliente ten a posibilidade de acudir á vía xudicial. A demanda xudicial por vía civil terá posibilidades de prosperar no caso de que existan elementos de proba que poidan acreditar que a venda das participacións preferentes foi realizada mediante información enganosa.
Na actualidade, a OMIC continúa atendendo as persoas afectadas, informando sobre a situación actual e dándolles trámite ás reclamacións presentadas. Cómprelembrar que para poder tramitar unha reclamación a través da citada oficina, deben solicitar por escrito ante a entidade de crédito toda a documentación relativa á subscrición das mencionadas participacións.
Acordo plenario
Faise necesario destacar que no pasado Pleno, realizado o 26 de abril, todas as forzas políticas presentes acordaron a aprobación dunha moción ao respecto de "Apoiar as persoas afectadas polas participacións preferentes nas súas legais reclamacións e prestarlles información a estas a través dá Oficina Municipal de Información ao Consumidor".