Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Hoxe é un bo día para deixar de fumar. Día Mundial sen Tabaco 2012

Fecha: 2012-05-31

 

O Servizo de Prevención do Concello do Grove quere sumarse hoxe á celebración do Día Mundial sen Tabaco e recordar que todas aquelas persoas que queiran deixar de fumar poden acollerse ao Programa de deshabituación do consumo de tabaco co que conta o SPAD do Grove e que, ao igual que o resto dos programas que se levan a cabo neste servizo, mantén as características de gratuidade, anonimato e atención interdisciplinar.

 

Durante o xoves 31 de maio e o venres 1 de xuño realizaranse distintas actividades informativas e formativas, tanto para a xente nova como para as persoas maiores.

 

Ademais, co obxectivo de sensibilizar a poboación xeral sobre a este tema, colocarase un cartel conmemorativo deste día na entrada principal da Casa do Concello e facilitarase información sobre os efectos do tabaco, pasos para deixar de fumar, programas de deshabituación, etc.

 

Ao mesmo tempo, no ámbito escolar realizaranse tres sesións de carácter formativo cos rapaces e rapazas de 5.º curso dos CEIP Conmeniño e Rosalía de Castro. Estas sesións consistirán nun taller experiencial no que se construirá un fumador artificial. Esta actividade pretende xerar unha actitude fundamentada na reflexión que leve ao neno ou á nena ao rexeitamento do consumo de tabaco e a promover a toma de decisións, valorando as consecuencias dos propios actos. Ao alumnado entregaráselle un “decálogo sobre o tabaco” para que o entregue na casa.

 

O lema escollido polo Concello do Grove para este ano é: “HOXE É UN BO DÍA PARA DEIXAR DE FUMAR”.

 

O consumo de tabaco constitúe unha das principais causas de mortalidade prematura e evitable. As estimacións realizadas no noso país e fóra del poñen de manifesto a magnitude do problema en termos de saúde, amosando o importante número de mortes que pode ser atribuído ao tabaco, cerca de seis millóns de persoas cada ano (Enquisa Europea de Saúde en España 2009). Na actualidade, o tabaquismo é considerado unha epidemia en toda regra que require unha abordaxe específica, adaptada ao perfil de cada paciente.

 

O abandono do tabaco é un proceso complexo, non unha decisión puntual. Dispor de información actualizada sobre a dependencia tabáquica e os seus condicionantes de inicio e abandono permitirá ofrecer unha información axustada ao perfil de cada fumador.

 

Para facer unha intervención axustada a cada persoa que teña problemas co tabaco deben coñecerse cales son as causas que manteñen o consumo, que tipos de ferramentas e estratexias poden ser utilizadas para favorecer o seu abandono, e cales son as máis axeitadas para cada persoa. É importante facilitarlle a maior información posible sobre os cambios que se producirán ao deixar de fumar, que signos e síntomas poden aparecer en relación coa abstinencia, que tipos de tratamentos son eficaces, etc.

 

Seguindo esta liña de traballo, dende o SPAD do Grove ofrecémoslle a toda a poboación en xeral distintos recursos terapéuticos para deixar de fumar. Logo dunha valoración individualizada polo persoal sanitario e a psicóloga do servizo, estudarase a inclusión da persoa que quere deixar de fumar no programa que mellor se adapte ás súas necesidades.

 

Programas estandarizados cunha duración media de 6 sesións, programas de deshabituación psicolóxica e/ou intervención familiar son algúns dos recursos que se lles poden ofertar ás persoas que queren deixar de fumar.

 

Se a persoa demandante decide iniciar o tratamento, realizaranse sesións individualizadas adaptando o programa ás súas características laborais, familiares e persoais. Ao seu remate, manterase un seguimento do usuario/a durante un período próximo ao ano e ademais este poderá manter contacto coa unidade durante todo o tempo que o precise.

 

Para ampliar información, poden chamar ao 986 731 614 ou escribir aos correos electrónicos, drogodependencias@concellodogrove.com / saudeprevencion@concellodogrove.com.