Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove acorda cos sindicatos os servizos municipais mínimos durante a folga xeral convocada contra as medidas de política económica do goberno de Rajoy

Fecha: 2012-11-12

 

A citada convocatoria non é apoiada pola "Central Sindical Independente e de Funcionarios" (CSI-F), maioritaria na Administración pública de España, que non vai secundar esta folga xeral por considerala inoportuna e con motivacións políticas.

 

O concelleiro de Economía, Facenda e Persoal do Concello do Grove, Juan Luis Callón Cameán, informa de que se alcanzou un acordo na mañá de hoxe co Comité de Folga para os efectos de determinar os postos de traballo que deben presentarse o próximo día 14/11/2012 obrigatoriamente para garantir as condicións mínimas nas que se presten os servizos municipais esenciais do concello. O acordo alcanzado esta mañá, encabezado polo alcalde, Miguel Ángel Pérez, e un nutrido número de representantes sindicais é similar ao acordo establecido na anterior folga xeral do pasado 29/03/2012 e que representa un aumento significativo ao respecto dos postos de traballo que cubrían os servizos esenciais mínimos e que historicamente se viñan decretando na cobertura das diferentes folgas realizadas ao longo da historia democrática do Concello do Grove.

 

En concreto, o acordo establecido esta mañá define un total de 7 traballadores, o que representa un 5,69% da totalidade dos 123 empregados fixos que ten o Concello do Grove. Os postos de traballo que se acordaron como servizos esenciais mínimos serían:

  • Programa 161 - Augas e Programa 165 de Iluminación: determínase que 1 traballador estará de garda xunto con 1 traballador que estará de reforzo como retén en caso de urxencia grave.
  • Programa 162 - Recollida de lixo: Servizo de Limpeza Viaria: determínase 1 varredor no seu horario laboral ordinario. Servizo de Recollida de Lixo: o comité de folga considera que este non é un servizo esencial, polo que non haberá recollida de lixo ese día. Faise necesario recordarlle á veciñanza que non deposite o lixo o día 13/11/2012.
  • Programa 232 - Drogodependencias: 1 traballador para a dispensa de medicación.
  • Programa 331 - Cultura: 1 traballador encargado do Programa Madruga
  • Programa 920 - Administración Xeral: 1 traballador encargado do Rexistro Xeral.
  • Programa 931 - Administración Financeira: 1 traballador na xanela de Recadación

 

Faise necesario destacar o establecido no artigo 6.2 do Real decreto-lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, que establece que "durante a folga entenderase suspendido o contrato de traballo e o traballador non terá dereito ao salario", polo que aos traballadores que exerciten o seu dereito a subscribir a folga lles será descontado o día do seu salario.

 

Igualmente recórdaselles aos empregados públicos municipais que non queiran sumarse á folga xeral e que desexen acudir ese día ao seu traballo, que nada lles impedirá tal cuestión e que non se deben sentir coaccionados por ninguén, dado que o Concello do Grove lle garantirá o dereito ao traballo a quen o desexe en prol da liberdade individual de elección de cada traballador.