Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Declaración institucional do Concello do Grove en favor dos afectados por participacións preferentes e obrigas subordinadas

Fecha: 2013-02-18

O Concello do Grove fai pública a seguinte declaración institucional, consensuada por todos los grupos políticos, en favor dos afectados por participacións preferentes e obrigas subordinadas:  

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL A FAVOR DOS AFECTADOS POLA COMERCIALIZACIÓN IRREGULAR DE PARTICIPACIÓNS PREFERENTES E OBRIGAS SUBORDINADAS

 

O Concello do Grove, en función do acordo unánime acadado por todos os grupos políticos na sesión plenaria celebrada o día 30/01/2013, fai a seguinte Declaración Institucional:

 

Dado que a comercialización de participacións preferentes e obrigas subordinadas foi feita sen ter en conta as disposicións da Lei do mercado de valores sobre os filtros e garantías para subscribir este tipo de títulos entre pequenos aforradores, e dado que coa entrada en vigor do Real decreto-lei 24/2012, do 31 de agosto, de reestruturación e resolución de entidades de crédito substánciase a posibilidade de que os nosos veciños enganados teñan que sufrir perdas nos seus aforros por culpa dunha burda estafa cometida por parte de banqueiros embriagados de avaricia, o Concello do Grove reclámalle a quen corresponda:

 

1.º Que se siga negociando coa Unión Europea para efectos de modificar a cláusula 15 do  Memorando de Entendemento subscrito o pasado 20/07/2012 polo Goberno de España para a obtención de 100 000 millóns de euros necesarios para a reestruturación e saneamento do sistema bancario.

 

A citada cláusula 15 do Memorando establece que as entidades bancarias españolas que estean obrigadas a presentar un plan de reestruturación ou liquidación imporán quitas aos seus accionistas e aos posuidores de títulos híbridos de capital (participacións preferentes e obrigacións subordinadas) co obxectivo de minimizar o custo para os contribuíntes europeos que financian cos seus impostos o citado rescate das entidades bancarias españolas.

 

2.º No caso de que a citada negociación non frutifique, que se modifique o Real decreto-lei 24/2012, do 31 de agosto, de reestruturación e resolución de entidades de crédito para efectos de eliminar o capítulo VII relativo á xestión de instrumentos híbridos, asumindo o Estado a devolución de todos os aforros aos afectados pola comercialización irregular de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas.